22/11/09

ACTIVIDADES NOVEMBRO

A nosa biblioteca vai cumprir xa 20 anos e necesitaba unha remodelación. Por iso a principal actividade deste mes está a ser a reorganización dos andeis, para que todos poidamos encontrar no seu sitio os libros que busquemos. Dado que cambiamos a ubicación dalgúns andeis, estes días teremos que fixarnos ben nos rótulos e, se aínda así non atopamos algo, teremos que preguntarlle ao profesor de biblioteca.
Sustituímos tamén os carteis dos apartados da CDU por uns máis grandes e cunha estética máis axeitada a unha biblioteca escolar.
Outras tarefas que estamos desenvolvendo son:
  • a planificación e difusión do club de lectura para que poidamos ter unha primeira reunión o 15 de decembro.
  • o proxecto de hábito lector en 1º de ESO, coa lectura en voz alta de contos breves ou obras de teatro.
  • o rexistro e catalogación das lecturas obrigatorias para este curso.
  • a confección de carnés de biblioteca aos novos lectores.
  • a planificación da actividade Que volven os piratas, prevista para a primeira quincena de decembro ou a segunda de xaneiro.

1/11/09

SEMANA DE PORTAS ABERTAS

Con motivo da celebración o 26 de outubro do Día das Bibliotecas Escolares, a nosa biblioteca celebrou por terceiro ano consecutivo unha semana de portas abertas, na que ademais de organizar diversos actos culturais, premiamos aos nosos lectores cun marcapáxinas orixinal.
A actividade principal da semana consistiu nunha xincana cultural dirixida ao primeiro ciclo da ESO: diariamente aparecían expostas no taboleiro de entrada á biblioteca unha serie de preguntas encadeadas que había que contestar antes das 10.30 do día seguinte.
Para premiar a participación dos alumnos recibirán todos un diploma que lles será entregado na biblioteca a primeira semana de novembro, e o gañador ou gañadores recibirán ademais un regalo.
O nome dos gañadores farémolo público o día 2 de novembro no taboleiro de entrada á biblioteca e tamén no noso blogue.

GRAZAS A TODOS POLA VOSA PARTICIPACIÓN

23/9/09

ACTIVIDADES 1º TRIMESTRE (curso 2009-2010)

Benvidos outro curso máis as actividades da biblioteca!

Xa estamos confeccionando os carnés de biblioteca para todos os alumnos novos que vos incorporades este ano ao Instituto. Esperamos terminalos antes do 9 de outubro e entregalos na primeira sesión do proxecto de hábito lector. Ademais estamos terminando a guía da biblioteca, que vos entregaremos tamén na mesma sesión, e estes días solicitaremos aqueles libros que tedes como lecturas obrigatorias nalgunhas materias para que poidades pedilos en préstamo.
Porén, o proxecto máis ambicioso que queremos poñer en marcha este curso é a creación dun CLUB DE LECTURA, como punto de encontro e intercambio de pareceres para todos os que amamos a lectura no "Rafael Dieste".
Se vos interesa esta iniciativa, POÑÉDEVOS EN CONTACTO cos profesores do equipo de biblioteca.

20/4/09

MENÚ DE TEMPORADA

Abril e maio son meses de grande actividade na biblioteca, meses nos que o libro é máis que nunca o protagonista diario. Por iso estes días estamos a organizar actividades arredor dos libros para todos.

Aproveitando o cincuentenario d'A Esmorga, ademais da exposición que xa coñecedes, faremos unha lectura en voz alta na biblioteca, ao tempo que imos comentando e reflexionando sobre os diferentes aspectos da obra. Posteriormente proxectaremos a adaptación que fixo Gonzalo Suárez en 1976 co título de Parranda, partindo dun guión do propio Blanco Amor. Así poderemos comparar as diferenzas e similitudes entre ambas linguaxes.

Para os máis pequenos a lectura xirará arredor de tres relatos do libro de M. Rivas Que me queres amor?: "A lingua das bolboretas", "Un saxo na néboa" e "Carmiña", que serviron de base a Rafael Azcona e J.L.Cuerda para a súa película A lingua das bolboretas, que veremos a continuación. Así poderemos observar, entre outras cousas, como se realiza a fusión dos tres relatos de Rivas na película.

Tamén, ao longo desta semana, baixo o lema de LIBROS LIBRES, encheremos a entrada do instituto de suxerentes fragmentos poéticos e narrativos que vos inviten a achegarvos á biblioteca para solicitar en préstamo os libros dos que foron extraídos.

AH!, non vos esquezades de mirar o resultado das enquisas realizadas a alumnos e profesores acerca dos seus libros preferidos; igual vos dan ideas para a vosa próxima lectura!

Estade tamén atentos á exposición A Muller e as Matemáticas porque estes días vanse incorporar os traballos que estiveron facendo algúns alumnos e alumnas arredor deste tema.

E por último, xa tedes na biblioteca a exposición de libros: "Clásicos de todos os tempos", que nunca está mal volver a ler, no caso de que xa os tiveramos lido algunha vez.

18/4/09

Cincuentenario d'A ESMORGA

Este ano cúmprense 50 anos da publicación dunha das mellores novelas da literatura galega, A Esmorga, primeira novela en galego de Eduardo Blanco Amor. Por iso, ao longo deste mes de abril podemos disfrutar na biblioteca dunha exposición con información sobre esta obra e o seu autor. Aproveitade para informarvos e, se aínda non a vistes, agora é un bo momento para facelo.

23/3/09

Exposición de fotos


Con motivo da viaxe a Grecia, que algúns de nós realizamos este Entroido, o Departamento de Grego quere ofrecer a toda a comunidade educativa unha selección das mellores fotos e dos mellores momentos da viaxe. A mostra terá lugar no primeiro recreo do mércores 1 de abril na Biblioteca, e estará aberta a todos os que queirades vir.

8/3/09

PREMIOS DO II CERTAME DE CARTAS DE AMOR

Xa temos os gañadores do II Certame de Cartas de Amor. Non os puidemos pór antes porque estivemos de viaxe, xa o sabedes.

Entre os seis finalistas seleccionados polo xurado de profes, os alumnos decidistes dar os tres primeiros Premios aos seguintes compañeiros:

1º PREMIO para Samuel Sánchez López

2º PREMIO para Irene Lamas Gómez

3º PREMIO para María Río Peña

Todos eles recibirán os seus premios proximamente nun acto que celebraremos na biblioteca.

13/2/09

ACTO CENTRAL DO DÍA DOS NAMORADOS


Na mañá de hoxe celebramos na biblioteca lecturas de textos poéticos de temática amorosa, de autores de diferentes épocas e países, na que participaron alumnos de 2º e 4º da ESO. A selección elixida -dende textos gregos clásicos ata textos actuais- serviu por unha parte, para que os alumnos puideran comprobar que o tema do amor é unha constante ao longo de toda a historia da literatura e o diferente enfoque que lle dan os autores dependendo da época na que escriben, e por outra, para animalos á lectura de textos poéticos a través dun tema que senten próximo, como é o tema do amor.


O acto pechouse coa actuación musical do grupo GENERACIÓN FLAMENCA do Instituto, que interpretaron varias cancións de amor con acompañamento de guitarra e caixón.


Á saída do acto los alumnos recorreron a exposición de poemas que está á saída da biblioteca e colleron exemplares dos POEMAS que máis lles gustaron.

5/2/09

DÍA DOS NAMORADOS

Cupido e Psique de ANTONIO CÁNOVA (1757-1822)

A semana do 9 ao 14 de febreiro celebraremos o Día dos Namorados con diversos actos:

  1. Concurso de cartas de amor: En tempos convulsos como estes, nos que vivimos rodeados de violencia, nada mellor que volver os ollos ao amor. Por iso desde a biblioteca animámosvos a participar neste concurso, no que recibirán un premio as tres cartas que máis nos gusten a todos. A data de entrega remata o día 9 de febreiro.


  2. Exposición de libros de amor: Ao longo da semana do 9 ao 13 de febreiro, no interior da biblioteca, expoñeremos unha selección de obras que traten este tema para que poidades levalas en préstamo.


  3. Exposición de poemas de amor: O venres 13 de febreiro, xusto á saída da biblioteca, atoparedes unha exposición de poemas de amor de épocas e países diversos con exemplares suficientes para que todos podamos coller os que nos gusten. O noso lema é "En tempos de crise, regala un poema".

  4. Recuncho de poesía: O venres 13 de febreiro, nos recreos, volverá a haber audicións musicais de poemas, esta vez de amor, non podía ser doutra maneira. Sonarán os temas Lela de Castelao, cantado por Dulce Pontes, Te quiero de Mario Benedetti, cantado por Nacha Guevara, e Te Quiero de Pablo Neruda, cantado por Antonio Vega.

21/1/09

Día Escolar da Non violencia e a Paz


Como xa viñemos anunciando en días anteriores, o 30 de xaneiro celebraremos no instituto o Día da Non Violencia e a Paz, e queremos facelo simbólicamente, abrindo a muralla -como di o poeta- a todas aquelas noticias boas que falan de paz, e pechando a muralla a todas aquelas que falan de violencia. Unha pomba, coa palabra PAZ en moitas linguas, decorará o patio interior do Centro.

O acto central do día será unha escenificación do poema La Muralla de Nicolás Guillén e a lectura de poemas de temática antibelicista e contra a violencia en xeral por parte de alumnos de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bach.

Aproveitaremos tamén esta efemérides para recuperar os Recunchos de poesía e escoitar nos recreos desta semana os poemas La muralla de Nicolás Guillén e Sólo le pido a Dios de León Gieco, cantados por Ana Belén, así como as cancións No dudaría de Antonio Flores e Imagine de John Lennon. Coma sempre todos poderemos levar a casa unha copia destes textos. Esperamos que vos gusten.