15/11/10

ACTIVIDADES DO 1º TRIMESTRE

ACTIVIDADES DE XESTIÓN E ORGANIZACIÓN:

1. Reorganización das distintas zonas da biblioteca.
2. Adquisición e ubicación de mobiliario novo: 2 estanterías para DVDs e 4 butacas para a zona de lectura relaxada e compartida.
3. Elaboración dos carnés de lector para os alumnos novos e reparto dos mesmos.
4. Petición e rexistro dos libros de lectura obrigatoria d'A HORA DE LER e do currículo dos departamentos didácticos.
5. Adquisición de cinco ordenadores novos para os alumnos.
6. Nomeamento de novos alumnos colaboradores para axudar no préstamo durante recreos.
7. Mellora do blog da biblioteca arquivosdotrasno.blogspot.com.
8. Posta en marcha do novo blog do club de lectura O trasno na rede.
9. Continuación do expurgo.
10.Visita e entrevista coa responsable da biblioteca municipal dos Rosais para establecer relacións interbibliotecarias de cara a futuras colaboracións.
11. Constitución da comisión de biblioteca no seno do Consello Escolar.

ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN E FOMENTO DA LECTURA:

1. Organización HORA DE LER na ESO: inicio novembro.

2. Elaboración dun cartel para anunciar por todo o centro a HORA DE LER.
3. MES DA BIBLIOTECA, con actividades como:
- VISITA Á BIBLIOTECA dos alumnos de 1º de ESO para realizar a formación de usuarios.
- Entrega de carnés aos alumnos novos.
- Entrega dun tríptico co horario, normas e recursos da biblioteca.
- Regalo dun marcapáxinas aos alumnos que leven en préstamo algún libro.
- Regalo dun poema aos alumnos que leven máis dun libro.
- Recuncho de música e poesía nos recreos dos venres.
4. Posta en marcha e primeiras reunións dos clubs de lectura O recuncho do trasno e O trasno na rede, de
1º ciclo e 2º ciclo de ESO respectivamente.
5. Exposición EN GALEGO TAMÉN SE FAI CIENCIA (entre o 4 e o 30 de novembro).

6. Elaboración e distribución de lazos contra a violencia de xénero.
7.
Exposición de caligramas dos alumnos de 4º da ESO contra a violencia de xénero.


13/11/10

REPARTO DOS LIBROS D'A HORA DE LER

Por fin temos no Instituto todos os libros para iniciar os 20 minutos de lectura diaria nas aulas de ESO. Agora toca rexistralos e poñerlles as etiquetas. E son 180. Desde a Biblioteca pedimos paciencia. Con todo, á velocidade que imos, contamos poder comezar en todas as aulas para a semana que vén.
Unha vez rexistrados e etiquetados os libros o proceso a seguir será o seguinte:

Darémoslle ao titor ou titora de cada grupo os exemplares correspondentes á súa aula e el ou ela encargarase de repartilos aos alumnos.

Mais lembrade unha cousa
:

-Haberá o dobre de alumnos por curso que de libros, é dicir, cada dous alumnos disporán dun exemplar do libro.

-O titor fará un préstamo a un deles, e este será o encargado de levalo na mochila, levalo á aula materia na que toque ler, e deixalo no seu casilleiro cando non se utilice.

-NON DEBEN LEVARSE PARA A CASA.


O titor dará aos alumnos o horario establecido para A HORA DE LER e os alumnos engadirano no horario xeral do curso.

21/10/10

A HORA DE LER

Como xa sabemos todos, este curso comezamos cun proxecto novo, que demos en chamar A HORA DE LER. Consiste en dedicar todos os días 20 minutos a ler en voz alta en todas as clases da ESO. Despois de escoitar as opinións de moitos profesores do noso centro, e tamén de outros centros que xa levan varios anos con lectura diaria nas aulas, estes son os libros escollidos PARA A HORA DE LER NO “RAFAEL DIESTE”:

S1ºA: E. LINDO, Manolito gafotas , ed. Alfaguara
S1ºB: P. NESSMAN, Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches, ed. Factoría K
S1ºC: M.S.CALVEIRO, O carteiro de Bagdad, col. Ala Delta

S2ºA: AGUSTÍN FDZ PAZ, Contos por palabras, ed. Xerais
S2ºB: JEAN-PAUL NOZIÈRE, La canción de Hannah, ed. Anaya
S2ºC: Mª ISABEL MOLINA, El señor del cero, ed. Alfaguara

S3ºA: LUCY & STEPHEN HAWKING, La clave secreta del Universo, ed. Montena
S3ºB: MARCOS S. CALVEIRO,
O pintor do sombreiro de malvas
S3ºC: CONCHA ROMERO, Así aman los dioses, ediciones clásicas (teatro)

S4ºA: STEFAN ZWEIG, Momentos estelares de la humanidad, Ed. Acantilado
S4ºB: MARILAR ALEXANDRE, A cabeza de Medusa, Ed. Xerais
S4ºC: VICTOR GONZÁLEZ, El río que se secaba los jueves y otros cuentos imposibles, Anaya (microrrelatos)
S4ºD: P. NESSMAN, Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches, ed. Factoría K


O horario, que quedou establecido nas avaliacións iniciais, está exposto no taboleiro da sala de profesores e da biblioteca. Xa están encargados os exemplares necesarios, de maneira que poidamos contar con 15 exemplares de cada título. Sería desexable comezar na semana do 1 ao 5 de novembro. En canto cheguen AVISAREMOS.

7/6/10

EXPURGO

Barra dun bar realizada con libros expurgados
Nunha Biblioteca Escolar hai moitos documentos en todo tipo de formatos. Mais non se debe acumular sen máis, senón que convén facer unha revisión anual dos mesmos para liberar espazo e deixar sitio a outros que se consideran de máis valor para os usuarios.
Este proceso recibe o nome de EXPURGO. Trátase dunha retirada selectiva que afectará a aqueles que quedaron obsoletos ou están en mal estado. Ás veces eses documentos reubícanse noutras dependencias do Instituto, como por exemplo nos departamentos das distintas materias ou na sala de titoría.
A partir do 15 de xuño exporemos na entrada da Biblioteca os documentos que xa non son precisos na biblioteca nin nos departamentos e que, polo tanto, poñemos á disposición de toda a comunidade educativa. Se algún vos interesa, podédelo rescatar e levar a casa.

24/4/10

SEMANA CULTURAL


Inauguramos este curso unha SEMANA CULTURAL no Instituto na que todos traballemos sobre o mesmo tema. Como todos xa sabedes o tema deste ano é GRECIA, a data do 26 ao 30 de abril. O centro xa está preparado para realizar todas as actividades planificadas. Só queda encomendarnos aos deuses para que nos sexan propicios nesta nova aventura.

24/1/10

SEMANA DA PAZ

Desde o luns 25 ao venres 29 de xaneiro a Biblioteca celebrará a SEMANA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ coas seguintes actividades:
  • Exposición de libros e DVDs relacionados co tema.
  • Lectura de textos sobre a paz e a non violencia para os alumnos de 3º da ESO e 1º de Bacharelato.
  • Recunchos de poesía e música e proxección de imaxes nos recreos desa semana.
  • Cada día expoñeremos á entrada da Biblioteca frases de personaxes famosos sobre a paz e a non violencia.