24/4/10

SEMANA CULTURAL


Inauguramos este curso unha SEMANA CULTURAL no Instituto na que todos traballemos sobre o mesmo tema. Como todos xa sabedes o tema deste ano é GRECIA, a data do 26 ao 30 de abril. O centro xa está preparado para realizar todas as actividades planificadas. Só queda encomendarnos aos deuses para que nos sexan propicios nesta nova aventura.

24/1/10

SEMANA DA PAZ

Desde o luns 25 ao venres 29 de xaneiro a Biblioteca celebrará a SEMANA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ coas seguintes actividades:
  • Exposición de libros e DVDs relacionados co tema.
  • Lectura de textos sobre a paz e a non violencia para os alumnos de 3º da ESO e 1º de Bacharelato.
  • Recunchos de poesía e música e proxección de imaxes nos recreos desa semana.
  • Cada día expoñeremos á entrada da Biblioteca frases de personaxes famosos sobre a paz e a non violencia.

22/11/09

ACTIVIDADES NOVEMBRO

A nosa biblioteca vai cumprir xa 20 anos e necesitaba unha remodelación. Por iso a principal actividade deste mes está a ser a reorganización dos andeis, para que todos poidamos encontrar no seu sitio os libros que busquemos. Dado que cambiamos a ubicación dalgúns andeis, estes días teremos que fixarnos ben nos rótulos e, se aínda así non atopamos algo, teremos que preguntarlle ao profesor de biblioteca.
Sustituímos tamén os carteis dos apartados da CDU por uns máis grandes e cunha estética máis axeitada a unha biblioteca escolar.
Outras tarefas que estamos desenvolvendo son:
  • a planificación e difusión do club de lectura para que poidamos ter unha primeira reunión o 15 de decembro.
  • o proxecto de hábito lector en 1º de ESO, coa lectura en voz alta de contos breves ou obras de teatro.
  • o rexistro e catalogación das lecturas obrigatorias para este curso.
  • a confección de carnés de biblioteca aos novos lectores.
  • a planificación da actividade Que volven os piratas, prevista para a primeira quincena de decembro ou a segunda de xaneiro.

1/11/09

SEMANA DE PORTAS ABERTAS

Con motivo da celebración o 26 de outubro do Día das Bibliotecas Escolares, a nosa biblioteca celebrou por terceiro ano consecutivo unha semana de portas abertas, na que ademais de organizar diversos actos culturais, premiamos aos nosos lectores cun marcapáxinas orixinal.
A actividade principal da semana consistiu nunha xincana cultural dirixida ao primeiro ciclo da ESO: diariamente aparecían expostas no taboleiro de entrada á biblioteca unha serie de preguntas encadeadas que había que contestar antes das 10.30 do día seguinte.
Para premiar a participación dos alumnos recibirán todos un diploma que lles será entregado na biblioteca a primeira semana de novembro, e o gañador ou gañadores recibirán ademais un regalo.
O nome dos gañadores farémolo público o día 2 de novembro no taboleiro de entrada á biblioteca e tamén no noso blogue.

GRAZAS A TODOS POLA VOSA PARTICIPACIÓN

23/9/09

ACTIVIDADES 1º TRIMESTRE (curso 2009-2010)

Benvidos outro curso máis as actividades da biblioteca!

Xa estamos confeccionando os carnés de biblioteca para todos os alumnos novos que vos incorporades este ano ao Instituto. Esperamos terminalos antes do 9 de outubro e entregalos na primeira sesión do proxecto de hábito lector. Ademais estamos terminando a guía da biblioteca, que vos entregaremos tamén na mesma sesión, e estes días solicitaremos aqueles libros que tedes como lecturas obrigatorias nalgunhas materias para que poidades pedilos en préstamo.
Porén, o proxecto máis ambicioso que queremos poñer en marcha este curso é a creación dun CLUB DE LECTURA, como punto de encontro e intercambio de pareceres para todos os que amamos a lectura no "Rafael Dieste".
Se vos interesa esta iniciativa, POÑÉDEVOS EN CONTACTO cos profesores do equipo de biblioteca.

20/4/09

MENÚ DE TEMPORADA

Abril e maio son meses de grande actividade na biblioteca, meses nos que o libro é máis que nunca o protagonista diario. Por iso estes días estamos a organizar actividades arredor dos libros para todos.

Aproveitando o cincuentenario d'A Esmorga, ademais da exposición que xa coñecedes, faremos unha lectura en voz alta na biblioteca, ao tempo que imos comentando e reflexionando sobre os diferentes aspectos da obra. Posteriormente proxectaremos a adaptación que fixo Gonzalo Suárez en 1976 co título de Parranda, partindo dun guión do propio Blanco Amor. Así poderemos comparar as diferenzas e similitudes entre ambas linguaxes.

Para os máis pequenos a lectura xirará arredor de tres relatos do libro de M. Rivas Que me queres amor?: "A lingua das bolboretas", "Un saxo na néboa" e "Carmiña", que serviron de base a Rafael Azcona e J.L.Cuerda para a súa película A lingua das bolboretas, que veremos a continuación. Así poderemos observar, entre outras cousas, como se realiza a fusión dos tres relatos de Rivas na película.

Tamén, ao longo desta semana, baixo o lema de LIBROS LIBRES, encheremos a entrada do instituto de suxerentes fragmentos poéticos e narrativos que vos inviten a achegarvos á biblioteca para solicitar en préstamo os libros dos que foron extraídos.

AH!, non vos esquezades de mirar o resultado das enquisas realizadas a alumnos e profesores acerca dos seus libros preferidos; igual vos dan ideas para a vosa próxima lectura!

Estade tamén atentos á exposición A Muller e as Matemáticas porque estes días vanse incorporar os traballos que estiveron facendo algúns alumnos e alumnas arredor deste tema.

E por último, xa tedes na biblioteca a exposición de libros: "Clásicos de todos os tempos", que nunca está mal volver a ler, no caso de que xa os tiveramos lido algunha vez.

18/4/09

Cincuentenario d'A ESMORGA

Este ano cúmprense 50 anos da publicación dunha das mellores novelas da literatura galega, A Esmorga, primeira novela en galego de Eduardo Blanco Amor. Por iso, ao longo deste mes de abril podemos disfrutar na biblioteca dunha exposición con información sobre esta obra e o seu autor. Aproveitade para informarvos e, se aínda non a vistes, agora é un bo momento para facelo.